abril 30, 2022

Érika Esmorís

O martes 26 de abril recibimos a Érika Esmorís, escritora galega gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015 por Nena e o mar e XI Premio Cidade de Málaga na modalidade narrativa por Patio de Luces.

Os alumnos de 3º de Educación Primaria tiveron a oportunidade de falar con Érica Esmorís sobre o seu libro Patio de Luces e interesarse pola súa traxectoria como escritora e polos seus proxectos.
Foi un pracer desfrutar da súa compañía e por suposto continuaremos gozando coa lectura dos seus libros. 

abril 02, 2022

Día Internacional do Libro Infantil

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY (Organización Internacional para el Libro Juvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Este ano correspóndelle á sección de Canadá ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil, e seleccionou ao escritor Richard Van Camp para que elaborase a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo («As historias son ás que nos axudan a remontar voo cada día») e ao ilustrado por Julie Flett para que crease o cartel.

Unha homenaxe ao poder dos libros infantís para expandir os nosos horizontes, acender a nosa imaxinación e fomentar a comprensión.




marzo 30, 2022

XXXVI Premio Merlín de Literatura Infantil


Ledicia Costas recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil 2021 con O neno de lume que conta a historia de Morgan, un neno peculiar que apareceu nunha cesta cando era un bebé xunto a unha enigmática nota. Sobre o seu ombro dereito sempre vai Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar. Unha mañá, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa que non dá levantado. Sen rastro do sol, Luminaria vaise apagando devagar. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Só se atopan a casa das tres irmás Luminaria poderá sobrevivir. O que non imaxinan é quen son en realidade esas tres mulleres.

Ledicia Costas


O día 29 de marzo recibimos no noso centro a Ledicia Costas, escritora galega de títulos coma:  Escarlatina, a cociñeira defunta, A Señorita Bubble, A balada dos unicornios ou O neno de lume, o seu último libro e Premio Merlín de Literatura Infantil 2021.


Os alumnos de 4º de Educación Primaria tiveron a oportunidade de conversar con Ledicia sobre os seus libros, a súa traxectoria como escritora e os seus proxectos.
Foi un pracer desfrutar da súa compañía e por suposto continuaremos gozando coa lectura dos seus libros.